Akelarre

O pasado 21 de xuño de 2022 tivo lugar en O Gabinete unha acción performativa no marco da presentación do ensaio da comisaria María Marco. A investigadora presentaba o II premio de Ensaio no CGAC “Tigres en magnolias” que explora os puntos de contacto entre a maxia e a arte contemporánea, cunha orixinal mirada que relaciona o culto e o popular.

O ritual celebrado con motivo do solsticio de verán foi diseñado por Ana Pillado como unha acción ritual titulada ‘Lupa Lusquenlla’, na que convida a participar a 20 mulleres vinculadas ás Artes (visuais, literatura, danza, música, teatro…), co obxectivo de visibilizar e reivindicar o legado das mulleres que nos precederon, simbolizadas na figura lendaria e totémica da Nai Loba, muller non domesticada, soberana de si propia (e contraparte feminina no relato xacobeo, representando a Galicia precristiá ou talvez priscilianista). Así mesmo, proponse honrar o vínculo da Arte coa Maxia, a través da homenaxe ritual ás primeiras artistas da humanidade: as chamanas, druidesas, sacerdotisas, meigas, bruxas….avoas sabias que encheron as paredes das covas de pinturas feitas co seu sangue de lúa e óxido de ferro, transmitíndonos o poder liberador do rito.

‘Lupa Lusquenlla’ quere sacar das tebras o legado das antergas silenciadas e poñelo a clarexar ao lusco, actuando como irmandiñas solares ‘por nós e por todas as nosas compañeiras’. Esta acción quere establecer unha ponte de comunicación entre o legado máxico antropolóxico do Pobo Galego e a súa pervivencia na Arte Contemporánea.

Moitos son os vínculos do feminismo coa bruxería como reivindicación espiritual e política: O movemento WITCH é o antecedente político das Guerrilla Girls. Ambos os colectivos practican o activismo performático, utilizan o disfrace ou a mascarada, a ocupación dos espazos públicos, o aparato de guerrilla urbana mediante panfletos, adhesivos, pintadas ou pósteres reivindicativos con estética DIY. Ambos xorden como contranarrativa aos privilexios patriarcais e á exclusión das mulleres nos discursos normativos; no caso das Guerrilla Girls enfocado aos museos e á historia da arte.

Tal e como afirma Silvia Federici, a caza de bruxas foi un dos xenocidios menos estudados da Historia de Europa. Calcúlase que en torno a 100.000 mulleres campesiñas foron masacradas e sometidas ás torturas máis crueis en toda Europa, pero estas cifras non inclúen ás que foron linchadas, acosadas e flaxeladas, nin ás que se suicidaron nos seus fogares ou recluídas nas súas celas.

Recuperar esa memoria é un xeito de recoñecer a importancia da disidencia como apertura de horizontes.