Arranca o ano con Colapso Colectivo de novo no espazo, o venres 17 de xaneiro e 18 a 22 h, con SOLEDAD ZARKA e LOUP UBERTO (Live), O’LEO DE MATAMÁ (Live) e CARME LÓPEZ (Live).
DONATIVO 10-15 euros CON PREVIA RESERVA DE PRAZA a través do formulario.
Zarka, artista multidisciplinar e directora artística da Compagnie Marie est de la Nuit, explora os límites entre a danza, o son e as artes visuais. Uberto, vocalista, fundador do grupo Bégayer e construtor de instrumentos, crea paisaxes sonoras e documentais, movéndose entre a improvisación e a experimentación. Xuntas crean unha forma pobre de voz e danza.
Un repertorio de cancións de ‘laboro’ italianas indexadas ao xesto de traballo, un estudo fisiolóxico do canto co xesto como instrumento de medida, e igualmente un estudo acústico do xesto co canto como instrumento de medida.
https://loupuberto.fr/soledad-zarka-loup-uberto/
O’LEO DE MATAMÁ
O’Leo naceu en Matamá, antigho concello de Bouzas, o 14 de xullo (a canda Buenaventura Durruti, Woody Guthrie e a toma da Bastilla) do 1974. Medrou libre na súa lingua até que tivo que interromper a súa formación porque o meteron nas escuelas. Con 15 anos renunciou un vran de praia e amizades para meterse na bibioteca do teleclú a ler canto libro puido, dado que non había bibliotecarix que lle fixese o carné durante o estío para sacar libros. Cando veu setembro déronlle o seu primeiro choio: bibliotecario do teleclú e membro da directiva da cultural.
Logo estudou filoloxía por dentro e por fóra das facultades da USC e tentou varios oficios até que rematou entrando de novo na escola, condenado a repetir cursos até a xubilación ou a toma dos medios de produción por parte das masas asalariadas, o que primeiro pase. Á parte de escribir versos tamén lles pon música e os canta, é un actor frustrado e en materia laboral o seu referente é o tom sawyer que castigaran un sábado á mañá a calear un zarrado.
https://arremecaghona.bandcamp.com
CARME LÓPEZ
Intérprete, docente e investigadora do campo da música de tradición oral galega. É doutora pola UDC cunha tese que toma como base o repertorio vocal acompañado de percusión de man de Liñares (Avión – Ourense).
Carme López ten traballado como profesora en escolas relacionadas coa música tradicional, como mestra de Educación Primaria e, actualmente, é profesora da área de Educación Musical na Facultade de CC. da Educación (USC).
Na súa labor investigadora, a súa liña principal diríxese ás músicas de tradición oral e á súa relación coa etnomusicoloxía, a perspectiva de xénero e a educación. Como músico ten publicado recentemente Quintela (música experimental con gaita) e Vinde todas (baixo o nome de Carmela, sobre música de tradición oral), proxectos que tamén presenta en directo.
Para esta ocasión, presenta «Oralidade transmutada”, un concerto que se erixe como unha conversa e, á vez, unha análise de cancións da tradición oral, que parten dun contexto concreto para reinterpretarse e recomprenderse noutro diferente. A materia prima deste concerto son melodías que se atopan en diferentes gravacións provenientes de variados arquivos, algunhas delas representadas a través das propias gravacións de campo.
https://carmelopez.bandcamp.com
A actividade enmárcase na nosa liña de traballo Territorios da Arte, un espazo para experimentación artística dende o que traballar cara a superación das dicotomías da arte. Neste sentido, O Gabinete cede o seu espazo para acoller propostas de artistas e disciplinas diversas, cun claro foco en artistas locais aínda non consagradas que están fóra dos circuítos comerciais.