Arranca o Laboratorio de Cultura Contemporánea!

  • Categoría da entrada:XERAL

Grazas á Subvención para entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2024 da Deputación da Coruña seguiremos facendo que as cousas sucedan este outono en O Gabinete.

 

A Deputación da Coruña concedeunos 6000 euros no marco da Convocatoria do programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2024 para levar a cabo a proposta Laboratorio de Cultura Contemporánea 2024, co que pretendemos dar un pulo ás nosas actividades e coa vontade de continuar a producir proxectos culturais e de obra artística ao servizo do común.

O Laboratorio de Cultura Contemporánea 2024 artéllase a través de tres programas marco que engloban unha sucesión de actividades:

O PROGRAMA ETNOGRAFÍAS CONTEMPORÁNEAS (EC), co que buscamos contribuír a fortalecer, dende a colaboración en rede, unha antropoloxia contemporánea non historicista, que nos permita cuestionar e deconstruír temas como a identidade, a pertenza, o territorio e/ou as relacións entre individuo e espazo.

O PROGRAMA TERRITORIOS DA ARTE (TA) co que buscamos ceder o espazo para acoller propostas de artistas e disciplinas diversas, cun claro foco en artistas locais aínda non consagradas que están fóra dos circuítos comerciais.

O PROGRAMA INSTITUTO DE POLÍTICAS CULTURAIS (IPC), que pretende ser un laboratorio de ideas sobre políticas públicas culturais en Galicia no que abordar outras políticas dende a imaxinación, que axuden a impulsar o impacto social da cultura e da arte. 

Durante os meses de outubro, novembro e decembro estaremos a desenvolver accións que serán facilitadas por diferentes persoas e asociacións culturais e que iremos anunciando neste espazo e nas redes sociais, agardando con ilusión a participación da comunidade para seguir facendo xuntas que as cousas sucedan no Gabinete.