Como se identifican os elementos definidores das prácticas artísticas comunitarias, ou como pode a arte estar ao servizo do ensanchamento da democracia, son algúns dos temas que se abordarán na Conversa Arte e participación política que acolle O Gabinete o próximo xoves 28 de setembro ás 20h.
Cada vez son máis os espazos ou as intervencións artísticas que procuran profundar na democracia, entendendo como a arte pode abrir novos espazos de enunciación política, ou como a perfomance pode incorporar outras sensibilidades na toma de decisións ou na consciencia dos malestares contemporáneos. O investigador portugués Hugo Cruz, ex Director artístico de MEXE_Encontro Internacional de Arte e Comunidade e membro do equipo de avaliación externa da Iniciativa PARTIS / Art for Change – Calouste Gulbenkian Foundation/Fundação La Caixa analizará nesta conversa estes retos, ademais de propor un concepto de calidade da participación cultural e artística.
O autor vén de publicar a obra “Prácticas artísticas, participación y política” coa editorial NERET, coa que analiza as relacións que se establecen entre as prácticas artísticas comunitarias e a participación política. Esta conversa enmárcase dentro da liña de traballo de O Gabinete coa que se procura abrir unha liña de pensamento en torno ás interdependencias da arte, considerando a esta non só como unha esfera illada da vida, senón como un elemento consubstancial da capacidade de incorporación das estéticas na propia vida cotiá.
*
O Gabinete está ubicado na rúa Ponte do Sar, 8, baixo, en Santiago de Compostela, e defínese como un Espazo para que as cousas sucedan. Nace coa vontade de abrirse ao inesperado; unha invitación a facer xuntas. É un espazo de traballo e pensamento que acolle dende investigacións experimentais, como Investigacións Raritas, apoiada polo Ministerio de Cultura e Deporte, exposicións de artistas como Mauro Trastoy, intervencións varias como a poeta Luz Pichel, ou presentacións de libros, como o do ex director do CGAC Manuel Olveira, entre outras moitas accións.