Deriva Sensosonora Corpo a través

O venres 18 de outubro de 18 a 20 h acompáñanos na Deriva Sensosonora CORPO A TRAVÉS con Elsa Pereira.

Actividade de balde con previa inscrición no seguinte formulario.

 

Corpo a través é unha acción protesta a modo de deriva na que imos mapear o territorio entre o río Sar e a Cidade da Cultura. Este convite á deriva parte da vontade de convidarvos á sensibilización e á curiosidade, que se ven aumentadas polo efecto de camiñar en silencio e co focoposto na paisaxe sonora.

Para isto, disporemos os nosos corpos previamente cunha serie de exercicios de movemento e respiración que nos axudarán a activar un corpo sensible aos cambios. Co camiño como destino, pensaremos novas realidades na procura dunha cidade expandida. Imaxinas unha praia fluvial con tobogáns no río Sar, tiñas reparado en que o son desaparece entre as árbores?

Elsa Pereira é bailarina e guía. Actualmente investiga sobre prácticas artísticas sensoriais inmersivas, convidando á reflexión sobre o territorio e os seus usos. En 2023 realizou un percorrido por espazos non específicos para danza e son a modo de composición instantánea co Colectivo Crú, que tivo como punto de partida o Gabinete. Agora volta co desexo de continuar compartindo curiosidades e rarezas moi pouco raras.

Aconsellamos vir con roupa e calzado cómodo para camiñar e, se chove, un paraugas ou chuvasqueiro.

Esta actividade é posible grazas á Subvención para entidades sen fins de lucro para a realización de
actividades culturais durante o ano 2024 da Deputación da Coruña.

A actividade enmárcase na nosa liña de traballo Territorios da Arte, un espazo para experimentación artística dende o que traballar cara a superación das dicotomías da arte. Neste sentido, O Gabinete cede o seu espazo para acoller propostas de artistas e disciplinas diversas, cun claro foco en artistas locais aínda non consagradas que están fóra dos circuítos comerciais.