Ensaio Aberto do Colectivo Crú

O venres 8 de novembro ás 20:30 h Colectivo Cru convídanos a participar no seu ensaio aberto. 

 
O Gabinete abre as súas portas ao COLECTIVO CRU para compartir con vós o seu proceso creativo. Será un ensaio aberto para compartir en modo crú como traballan cando ninguén xs ve. 
 
O proxecto que levan a cabo Fonsi Milán ao son e Elsa Pereira no movemento, é un pacto coa maxia do momento; no que intuición e xogo son as chaves dunha composición en tempo real que non se vai repetir.
 
Este proxecto emerxe dun desexo de acción, de dar foco á danza e ao son experimental máis alá dos públicos e espazos xa coñecdos.
 
Que onda?
 
Traballamos en modo composición instantánea, unha experiencia baseada na improvisación, na que a performance se compón individual e colectivamente en tempo real. Así, en crú, movemento/danza e son ao servizo dunha actitude explorativa que ten lugar agudizando o sensorial, imaxinativo e intuitivo das persoas que a activan. 

Partindo do elemento espazo, armamos un relato sobre o que imos traballar na composición, que ten unha estrutura común pero contidos moi diversos segundo o lugar onde se desenvolve a performance. O son é composto por un sistema modular a partir do que se crean ambientes e atmósferas sonoras moi diversas e sobre as que vai emerxendo a guitarra como elemento “analóxico e máis humano”. O movemento responderá entón á conversa entre son e espazo dun xeito somático e amplificado polo tema escollido para a ocasión.
 
ENTRADA INVERSA
 

A actividade enmárcase na nosa liña de traballo Territorios da Arte, un espazo para experimentación artística dende o que traballar cara a superación das dicotomías da arte. Neste sentido, O Gabinete cede o seu espazo para acoller propostas de artistas e disciplinas diversas, cun claro foco en artistas locais aínda non consagradas que están fóra dos circuítos comerciais.