Exposición LÁMPADA

O venres 12 de abril ás 20 h. inaugúrase LÁMPADA, a exposición de Mauro tratoy e Pablo Barreiro no marco da proposta “Esculturas de Luz”.

A exposición reúne o traballo de Mauro Trastoy e Pablo Barreiro nun diálogo entre a luz e a cerámica. As lámpadas escultóricas de Trastoy e as pezas cerámicas de Barreiro comparten procesos que exploran a repetición, o erro e a transformación da materia.

Ambos artistas vinculan o seu traballo a unha práctica artesanal, onde o xesto e o tempo son elementos fundamentais. A imperfección e o accidente forman parte do resultado, subliñando a importancia do proceso como experiencia creativa.

Nesta mostra, as formas e os materiais establecen un intercambio silencioso, creando un espazo de encontro e reflexión entre dúas linguaxes distintas pero complementarias.

Esta actividade é posible grazas á Subvención para entidades sen fins de lucro para a realización de
actividades culturais durante o ano 2024 da Deputación da Coruña.

A actividade enmárcase na nosa liña de traballo Territorios da Arte, un espazo para experimentación artística dende o que traballar cara a superación das dicotomías da arte. Neste sentido, O Gabinete cede o seu espazo para acoller propostas de artistas e disciplinas diversas, cun claro foco en artistas locais aínda non consagradas que están fóra dos circuítos comerciais.