“Entrever” trata dun conxeturar, dun ver confusamente, dun adiviñar. O ver do que se fala non é unha evidencia, pois esta non é tal sen o seu acompañamento invidente: aínda que este último non se ve, o invisible é condición do visible, xa que non hai visión sen punto cego. Tampouco se trata dun ver claro, a visión irradia dende unha luz escura e confusa.
O Gabinete acolleu o 6 de maio a performance “Modos de (non) ver”, da performer galega Cora Novoa, no marco dunha investigación que leva a cabo para a Universidade de Sevilla. Un encontro no que convidamos ás persoas interesadas en participar a transitar o espazo libremente, pero con certas particularidades: a visión impedida, a sala escura e intervida pola artista con diversos elementos sensoriais. Sumaba á sensación de estrañamento que moi poucas visitaran o espazo previamente. Transitar un espazo descoñecido ás escuras é outra forma de (non) ver.
As conclusións derivadas deste proceso son esbozos e expectativas abertas, sen un trazado pechado. Esta proposta foi unha oportunidade de esbozar no plano do real a partires dunha indagación que non ten fin: “Unha consecuencia dun proceso de aprendizaxe concernente a como me relaciono co meu proceso artístico e coa miña propia existencia (dúas formas de nomear o mesmo), tratando de encarnar as miñas propias (in)definicións, esbozando sendeiros directos entre a razón e o sentir”, como indica a artista.
O compromiso coa acción trascende o mero utilitarismo; máis ca unha pregunta ou resposta é quizais unha transparencia atravesada pola presentación: o silencio e escoita atenta, a presenza no espazo-tempo, nun contexto determinado onde todo significa, atravesada polo que existe arriba e abaixo, ás dúas bandas —unha persoa que non sabe se moverse ou quedar estática, un neno que ten medo e chama por Berta, alguén que se plantexa entrever e outra que disfruta das texturas sonoras. A performance é unha procura de sentido (pero non “sentido común”), outra forma de facer, de ver e non ver.
*
Cora Novoa é unha artista interdisciplinar galega especializada na performance, graduada na universidade de Belas Artes e cun máster na Universidade de Sevilla. Completa a súa formación en Londres, Barcelona e múltiples obradoiros e residencias en distintas ciudades, da man de artistas multidisciplinares nos campos da arte da acción, danza e música experimental. A súa obra, tamén de carácter interdisciplinar, está marcada polo seu contexto e as súas experiencias persoais; abrangue temáticas como a fragmentación, a precariedade, a deconstrución da identidade, o erro, ou a corporalidade como espazo habitado.