O 7 de outubro analizaremos como a realidade aumentada pode mellorar a experiencia alimentaria

  • Categoría da entrada:Uncategorized

O 7 de outubro terá lugar a xornada Taste of Altered Perceptions. Tastyng Phygital Seasoning en O Gabinete, un espazo cultural independente en Santiago de Compostela.

Neste encontro presentaranse os resultados dun ano de traballo conxunto entre a empresa de base tecnolóxica TasteLab e a deseñadora Laila Snevele.

TasteLab, spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, está especializada en análise sensorial. Entre os seus principais fitos destaca a creación de SENSESBIT, un software innovador que predí e analiza as percepcións sensoriais e as preferencias das persoas consumidoras mediante algoritmos avanzados.

A esta aposta constante pola innovación súmase a participación de TasteLab en Hungry EcoCities, un proxecto financiado pola Comisión Europea que procura xerar encontros entre arte e empresa para redefinir o futuro da produción e do consumo de alimentos.

Ao longo deste último ano, a empresa con sede en Lugo colaborou estreitamente con Laila Snevele, deseñadora sensorial de alimentos e fundadora de Sensoverse, un estudo de deseño de alimentos en Eindhoven (Países Baixos). Froito desta colaboración, Snevele desenvolveu Phygital Seasoning, unha proposta especulativa sobre como a realidade aumentada pode transformar a maneira en que comemos, cultivamos, mercamos e nos relacionamos coa comida.

Na xornada do 7 de outubro, as persoas participantes serán convidadas a usar as lentes Vision Pro, un dispositivo que integra contido dixital no espazo físico. Durante a sesión poderán experimentar como a realidade aumentada inflúe na análise sensorial e visualizar sensacións como o doce ou o salgado. Unha experiencia inmersiva que busca expandir a nosa percepción alimentaria.

Este proxecto, co que colabora O Gabinete, inscríbese en Hungry EcoCities, financiado polo programa de investigación e innovación Horizonte Europa da Unión Europea. O consorcio europeo está liderado por prestixiosas institucións como Brno University of Technology (CZ, coordinadora), KU Leuven (BE), CRA – Carlo Ratti Associati (IT), Studio Other Spaces (DE), In4Art (NL), Mendel University (CZ), NethWork (NL) e FundingBox (PL). Ademais, forma parte do programa S+T+ARTS, unha iniciativa da Comisión Europea que promove novas formas de innovación no cruce entre arte, ciencia e tecnoloxía.

Podes inscribirte aquí: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScA7OIbC6ZbQXxcsuf2zfh0_r0iJabtz7K6WyuQMoQRYGY2Zg/viewform?usp=send_form