O sábado 25 de abril a partir das 13:00 h dá comezo a nosa festa de despedida.
Ven a celebrar connosco está nova mutación.
🗓️ 25 de abril | 🕛 13:00
📍 O Gabinete
🎟️ Entrada libre ata completar aforo
🎵 Obsolet, italo disco & retro
🍺 Picoteo e boa compañía
PECHAMOS, PERO AÍNDA ASÍ CELEBRAMOS!
Despois de 4 anos, O Gabinete pecha as súas portas.
Facémolo non por falta de ganas nin de proxecto, senón porque os donos do local que alugamos pedíronnos que marchemos. Unha situación que, máis alá do noso caso concreto, fala dun contexto máis amplo: o da presión dos alugueiros, a xentrificación e a dificultade crecente de soster espazos culturais independentes.
Nun momento no que a cidade se transforma a gran velocidade, os proxectos pequenos, autoxestionados e fráxiles quedan, moitas veces, sen lugar. Este peche tamén é parte desa realidade.
E, con todo, n’O Gabinete sucederon cousas, como xa anunciaba o seu lema.
Foi posible grazas á autoorganización, ao coidado colectivo e ao apoio dunha comunidade que creu na necesidade de ter espazos para experimentar, crear, compartir e pensar xuntas.
Durante este tempo impulsamos e acollimos proxectos moi diversos, moitos deles nacidos da iniciativa de colectivos e persoas que trouxeron as súas propostas, facendo do Gabinete un espazo aberto e en constante transformación. Ese fluxo permitiu tamén un alcance que foi máis alá do local, conectando con outras realidades e xerando un pequeno mapa internacional de colaboracións.
Queremos agradecer á Deputación da Coruña polo apoio recibido no ano 2023. E, sobre todo, ás persoas socias que sostiveron o proxecto día a día, facendo viable o que, doutro xeito, non o sería.
Grazas tamén a todas as persoas que vos achegastes: ás que participastes nas actividades, ás que viñestes por curiosidade, ás que propuxestes, colaborastes ou simplemente estivestes. O Gabinete foi, sobre todo, a comunidade que se teceu ao seu redor.
Aínda que o espazo físico pecha, O Gabinete continúa como asociación. Seguimos traballando xuntas, activas, e poderedes seguir o que facemos a través da nosa web e das nosas redes. Isto non remata aquí, só cambia de forma.
