O martes 19 de marzo transitamos entre Nicaragua e Galicia co investigador Eduardo Flores Arróliga

O martes 19 de marzo ás 20 h transitamos entre Nicaragua e Galicia con Eduardo Flores Arróliga, quen presenta o seu libro Tiembla todo lo vivo (anamá, 2023), acompañado por Fran Quiroga.

A través de nove ensaios narrativos sobre o estremecemento da condición humana o autor dialoga con personaxes conceptuais da filosofía e literatura para que os seus lectores queden envoltos nas tramas da errancia, a finitude e a interconexión coa natureza dende a cartografía do vivido. Un texto que aposta pola tradición do ensaio como forma de pensamento e que abre a posibilidade de contar dende unha linguaxe persoal e narrativa o enfrentamento coas complexas fibras que constitúen a vida.

Eduardo Flores Arróliga naceu en Managua, Nicaragua, en 1989. É ensaista, investigador e profesor. É doutor en Filosofía polo Instituto de Investigacións Filosóficas da Universidade Michoacana de San Nicolás de Hidalgo, Morelia, México. Os seus textos foron publicados en xornais e revistas latinoamericanas.

A presentación enmárcase na nosa liña de traballo Etnografías Contemporáneas coa que queremos contribuír a fortalecer, dende a colaboración, unha antropoloxia contemporánea non historicista, que nos permita cuestionar temas como identidade, pertenza, territorio e/ou as relacións entre espazo e individuo.