Arte contra o xenocidio

Acompáñanos no encontro Arte contra o xenocidio o venres 7 de xuño ás 19.00h para ver a curtametraxe Trying to survive (Bashar Al-Belbisy, Gaza, 2024), escoitar a Sami Ashour, presidente da Asociación Galaico-Árabe Jenin e ver unha pequena mostra das ilustracións do artista palestino Ahmed Al Daalsa, guiada pola activista Francesca Ruzzetta.

Trying to survive é unha curtametraxe documental  dirixida por Bashar Al-Belbisy difundida polo grupo artístico Alfoursan Arts. O grupo cree firmemente que a arte ten o poder de crear un impacto positivo na sociedade e promover as normas e valores dunha comunidade unida. A través do teatro e da danza folclórica palestina (o dabke) esfórzase en fortalecer a identidade cultural palestina. Xa sexa no dabke, no teatro ou na música, o seu variado e diverso equipo de cincuenta artistas ten unha cousa en común: todos creen no cambio social e defenden a importancia da responsabilidade social.

´´´Logo da proxección, Sami Ashour, Presidente da Asociación Galaico Árabe Jenin, conversará connosco sobre a situación xeral en Gaza.

Ahmed Al Daalsa é un talentoso artista e fotógrafo de 24 anos de Nuseirat, Gaza. Antes do ataque a Gaza en outubro de 2023, Ahmed era moi activo na comunidade artística de Gaza. Participou en exhibicións de arte en diversas galerías de arte e organizou obradoiros artísticos para crianzas en escolas.

O soño de Ahmed era crear e vender comics coas súas amizades. Este soño agora foi substituído por dó xa que varias das súas amizades morreron ou foron desprazadas fóra de Gaza debido a violencia en curso.

A esperanza de Ahmed agora é poñer a salvo á sua familia. As súas recentes obras, “diarios do desprazamento”, son un reflexo da desvatación que o rodea e a súa forma de resistencia. A través da arte Ahmed intenta lidiar co desprazamento da súa familia. A arte é o intento de Ahmed de seguir imaxinando a vida que desexaba para si mesmo e os seus seres queridos a pesar do sufrimento e desprazamento.

A mostra contará con obras de Ahmed e será guiada pola activista Francesca Ruzzetta, PhD visitante no Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC en Santiago de Compostela.

Queremos agradecer a Paula Bonaval, activista de BDS Galiza e SUGxPal pola co-organización deste encontro.

A presentación enmárcase na nosa liña de traballo Territorios da Arte, un espazo para experimentación artística dende o que traballar cara a superación das dicotomías da arte. Neste sentido, O Gabinete cede o seu espazo para acoller propostas de artistas e disciplinas diversas, cun claro foco en artistas locais aínda non consagradas que están fóra dos circuítos comerciais.