Caterina Varela e Fran Quiroga conversan sobre Dereitos Culturais para unha Democracia Viva

O sábado 16 de novembro de 16 a 18 h acompáñanos no encontro “Dereitos Culturais para unha Democracia Viva”, unha conversa aberta entre Caterina Varela (Colectivo RPM) e Fran Quiroga (Concomitentes).

 

Entre os eixos de traballo d’O Gabinete, o Instituto de Políticas Culturais (IPC) pretende ser un think tank sobre políticas públicas culturais en Galicia co que abordar outras políticas que axuden a impulsar o impacto social da cultura e da arte. 

Con tal motivo, este 16 de novembro de 16 a 18 h. convidámosvos a participar no encontro “Dereitos Culturais para unha Democracia Viva” para escoitar a conversa entre Fran Quiroga e Caterina Varela, e participar no debate aberto xunto coas relatoras e persoas integrantes de asociacións do sector cultural galego que tamén estarán presentes no encontro.

Caterina Varela é directora das Residencias Paraíso e socia fundadora de RPM, colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña distintos proxectos contextuais dende Galiza. Fran Quiroga é investigador transdisciplinar, director de Concomitentes e codirector do espazo de creación independente O Gabinete.

O obxectivo da conversa e o debate é abrir un espazo de reflexión para coñecer como se poden materializar os dereitos culturais na praxe, a través de accións concretas que xa están a funcionar en Galiza como é o caso das Residencias Paraíso impulsadas polo Colectivo RPM e coñecer os mecanismos concretos de acción, analizar que impactos conleva a nivel sectorial e cidadá e cal son os marcos a futuro da cultura ao servizo da cohesión social e territorial.

En definitiva, un encontro colectivo para repensar se o paradigma dos Dereitos Culturais pode axudar a mellorar as condicións do sector e ter unha maior incidencia na cidadanía.

Agardámosvos!

ENTRADA DE BALDE

Esta actividade é posible grazas á Subvención para entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2024 da Deputación da Coruña.

A actividade enmárcase na nosa liña de traballo Instituto de Políticas Culturais, un espazo de reflexión que sirva como laboratorio de ideas ou think tank sobre políticas públicas culturais. Deste xeito, o Instituto de Políticas Culturais será o único espazo en Galicia que aborde outras políticas dende a imaxinación, que axuden a impulsar o impacto social da cultura e da arte.