O Gabinete continúa a súa liña de convertirse nun lugar de debate e por iso acolle o venres 17 de novembro ás 19h. a conversa entre Javier García Fernández e Cristina Botana ao redor do Colonialismo interno e descolonización do coñecemento. Pensar Galiza e Andalucía.
Con este encontro preténdese abordar cuestións como a construción de procesos soberanistas nas nacións sen estado españolas, a memoria colonial como parte do traballo por facer na autoreflexión soberanista, ou sobre qué identidades se están imaxinando e cales quedan fóra?
Javier García Fernández é doutor en Estudos Poscoloniais pola Universidade de Coimbra, a súa investigación céntrase na historia da conquista de Al-Andalus desde unha perspectiva global, o Imperio español, a relación entre o fascismo e o imperialismo, os estudos poscoloniais e a teoría decolonial, e é autor de “Descolonizar Europa: Ensayos para pensar históricamente desde el sur” (2019), Más allá del Arabismo y el Medievalismo: Al-Ándalus en perspectiva Poscolonial” (2021).
Cristina Botana é doutora en Arquitectura e Urbanismo da ETSAC da UDC. Investigadora docente no Grupo de Análise Territorial no departamento de Xeografía da USC. Cofundadora do Colectivo Anomias de investigación-acción, fixo parte da equipa de Arquitectura Sen Fronteiras. Foi membro do Grupo de Estudos Galiza e o Decolonialismo do que é tamén coautora do libro que emerxeu dese grupo e que foi editado pola Fundación Luis Seoane o ano pasado.
Actualización: a gravación da conversa completa pode visualizarse neste enlace.