Crónica dunhas prácticas formativas no Gabinete

  • Categoría da entrada:XERAL

As novas vivencias son, habitualmente, algo complicadas. Adentrarse no descoñecido impón sempre un pouco de respecto e require, cando menos, dunha pouca valentía.

Cando comecei o meu periodo de prácticas formativas no Gabinete de Imaxinación fíxeno con entusiasmo, pero tamén con incerteza. Sen coñecer o local, aos compañeiros e os métodos de traballo do Gabinete, comezaba unha nova etapa cuxo desenvolvemento e devir me resultaban completamente alleos. Aínda así, confiaba en que iría todo ben. E así foi.

Acomodarme a esta nova experiencia foi realmente doado. A atmosfera que se respira no Gabinete é afable e hospitalaria, polo que esta andaina se me fixo verdadeiramente agradable. Fran, Adela e Mauro saben traballar dende o respecto e a bondade, e precisamente aí reside o éxito dun equipo de traballo que logra funcionar grazas a unha boa comunicación e a unha cordialidade excepcional. A tranquilidade e a confianza que emanan do espazo de traballo logran facer do mesmo un lugar acolledor, no que o trato é sempre horizontal.

O tempo que pasei no Gabinete, aínda que escaso (apenas un mes e medio), foi suficiente para coñecer métodos de traballo que os anos de estudo teórico non lograran ensinarme. Ademais, o trato cálido dos membros da asociación fixo que todo o que me foron ensinando, con paciencia e adicación, o aprehendese sen problema. Vexo necesario recalcar a transversalidade das ensinanzas, que entre todos tentaron que fosen variadas e completas. O seu esforzo por que eu aprendera, o seu desexo de incluirme de maneira activa nas súas metodoloxías participativas, e o seu xenuino interese pola miña opinión sobre certos asuntos relacionados cos temas do traballo, entre outras cousas, foron o que me fixeron sentirme realmente partícipe dun proxecto tan valioso e bonito como é o do Gabinete de Imaxinación.

Por todo isto, alégrome de ter escollido estas prácticas formativas. Se volvera atrás no tempo, de seguro que volvería a facelo.

Aldara Baliño Vázquez