Guateque no Gabinete o 25 de setembro

O mércores 25 de setembro de 22 a 24 h ven ao Guateque no Gabinete!

O Gabinete é un laboratorio de produción cultural contemporánea que desenvolve diferentes accións baixo o lema facer que as cousas sucedan. Unha das cousas que máis nos gustan que suceda é a festa, de aí que o próximo mércores 25 de setembro de 22 a 24 h. organicemos Guateque no Gabinete, na rúa Ponte de Sar, 8, en Santiago de Compostela.

Esta acción festiva contará coas participacións de Obsolet, que nos traerá unha selección da mellor música Italo, Disco ando Retro e a visita da Cabezuda Travestida Divine, que nos acompañará nesta sesión festiva que reivindica a cultura como encontro.

Este Guateque celébrase na semana que Compostela acolle o X Encontro de Cultura e Cidadanía organizado polo Ministerio de Cultura e que ten como obxectivo realizar unha retrospectiva arredor dunha década, así como unha proxeción colectiva para atender aos retos que nos traen os próximos anos. 

A entrada é de balde e as consumicións que se fagan no Guateque contribuirán a que o propio espazo poda acoller máis accións performativas ou exposicións. Todo o recadado servirá para que o propio laboratorio de produción cultural contemporánea poda ser un pouco máis autónomo e, polo tanto, facer máis cultura comunitaria.  

 

A actividade enmárcase na nosa liña de traballo Territorios da Arte, un espazo para experimentación artística dende o que traballar cara a superación das dicotomías da arte. Neste sentido, O Gabinete cede o seu espazo para acoller propostas de artistas e disciplinas diversas, cun claro foco en artistas locais aínda non consagradas que están fóra dos circuítos comerciais.