O 1 de marzo inauguramos, ás 20 h en O Gabinete, a exposición Memorias Gráficas Galiza-México que recolle experiencias de vida, traballo e investigación de Adela Vázquez Veiga a través de relatos gráficos, individuais e colectivos, que documentan memorias vividas entre Galiza, a súa terra nai e Yucatán, a súa terra de acollida en México durante 18 anos.
Memorias Gráficas Galiza-México é unha crónica contada a partir de debuxos, fotografías, mapas e palabras que buscan materializar memorias que trasceden o tempo e o espazo nun intento de transformarse nun arquivo de memorias comúns.
As técnicas empregadas son tan diversas como as historias que contan: relatogramas, memogramas, mapeos colectivos ou fotografías que fan do acto de relatar gráficamente unha nova forma de documentar cousas que nos pasan e que ás veces, quedan no esquecemento.
A exposición é unha mostra de afecto cara as persoas que fixeron posible o que aquí se conta. É tamén un intento de afondar na relación entre memoria e relato gráfico como forma de manter os recordos e abrazar os retornos que todas temos vivido.
Adela Vázquez Veiga investiga como abrir a relación entre patrimonio e procomún a partir de ferramentas participativas explorando novas prácticas de arquivo da memoria social. Traballou como conservadora e restauradora no Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia de México e como profesora na Universidade Nacional Autónoma de México e na Universidade Autónoma de Yucatán. É co-fundadora da Asociación Cultural Niquelarte e do proxecto BIComún. Actualmente cursa o Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural na Universidade de Vigo, é integrante do Grupo de Innovación Docente en EducAcción Patrimonial e traballa como parte da equipa de La Underground Colectiva e O Gabinete.
A exposición estará aberta ao público do 1 de marzo ao 1 de abril, de luns a venres, en horario de 9 a 14 h. Ao longo do mes haberá visitas guiadas os venres 15 e 22 e o mércores 27 de marzo ás 7 da tarde con previa inscrición aquí.
OBRADOIROS
Ademáis, a mediados do mes de abril Adela Vázquez facilitará 4 obradoiros participativos nos que aprender a deseñar e usar ferramentas gráficas coas que relatar memorias, tomando como contexto o barrio de Sar.
Os obradoiros terán lugar no espazo de O Gabinete os sábados 6, 13, 20 e 27 de abril de 11 a 14 h. Compartiremos a información detallada próximamente.
A mostra e os obradoiros enmárcanse na nosa liña de traballo Etnografías Contemporáneas coa que queremos contribuír a fortalecer, dende a colaboración, unha antropoloxia contemporánea non historicista, que nos permita cuestionar temas como identidade, pertenza, territorio e/ou as relacións entre espazo e individuo.
Benvidxs a esta crónica de memorias compartidas!