O venres 9 de maio ás 20:00 h chegan ZEA et XAVIER CHARLES (Live) a Compostela xunto a VÕ CHÍ CÔNG ENSEMBLE (Live), da man de Colapso Colectivo. Acompáñanos!
ENTRADAS en info.colapso@gmail.com
O Gabinete abre de novo as súas portas para recibir a 2 artistas sonoras de referencia internacional.
ZEA, o proxecto en solitario de Arnold de Boer, vocalista da banda holandesa The Ex. Narracións urxentes construídas sobre sucias liñas de baixo e o contraste de pasaxes tranquilas contra explosións sonoras, trascendendo os límites da era dixital.
De Boer está acompañado polo clarinete de Xavier Charles, cuxo estilo de improvisación é extremadamente dinámico, a miúdo emprega longos sons multifónicos seguidos de berros e estrondos que complementan fortemente as estruturas minimalistas e sobrias das cancións de De Boer. Xuntos crean un mundo cheo de espazo, son, canción e silencio.
A súa música é ás veces fráxil, poética, noutras veces moi enérxica, urxente, obstinada, propulsada por unha guitarra sincopada que induce ao trance e nos lembra as súas experiencias coa música ganesa e etíope.
Xavier Charles é unha figura clave da nova música europea e máis alá. É clarinetista, investigador sonoro mergullado en mil aventuras sónicas, improvisador viaxeiro e colaborador incansábel. Inventa unha linguaxe única e desenvolve técnicas inspiradas no material, nos sons da vida cotiá e nas linguaxes musicais contemporáneas. As súas experiencias leváronlle ás fronteiras da música improvisada, o rock ruidoso, a electroacústica.
VÕ CHÍ CÔNG ENSEMBLE é unha práctica, un coitelo, a extensión do posíbel e o territorio en que percute outra idea da organización das cousas. Ningunha serpe, ningunha lei. O goberno dos ourizos, ruído derramado, e se Paul Celan desafía a sombra de Paul Rutherford? Mans sucias e honor a Peter Brötzmann.
RESERVA ENTRADAS en info.colapso@gmail.com
A actividade enmárcase na nosa liña de traballo Territorios da Arte, un espazo para experimentación artística dende o que traballar cara a superación das dicotomías da arte. Neste sentido, O Gabinete cede o seu espazo para acoller propostas de artistas e disciplinas diversas, cun claro foco en artistas locais aínda non consagradas que están fóra dos circuítos comerciais.
